en Infancia y adolescencia

DATA: 4-7-2018
HORA DE COMEZO: 16:30
HORA DE REMATE: 18:00
ASISTENCIA: Mari Lires, Mª Fernanda, Leire, Merchi, Sofía, Dori, Miriam, Daisy, Azucena.

Iníciase a sesión cun comentario xeral, un pequeno resumo do traballo realizado polo grupo, por parte de Mari co obxectivo de que Merchi e Leire se poidan unir ao debate (previamente houbo unha minipresentación): Descubrimento por parte do equipo de investigación da complexidade da temática, moitos tipos de violencia de xénero contra infancia e adolescencia.  Realización dunhas xornadas para visibilizar o problema.

Obxectivo desta xuntanza: facer balance do realizado e indicar liñas de continuidade. Proponse facer unha rolda para facer balance e ver que ideas hai de cara ao vindeiro curso.

FALOUSE DO SEGUINTE:

Examináronse as achegas remitidas por Iria e Jone. Respecto das Xornadas:

1. Destácase a falta de formación específica en xénero, en prevención da violencia de xénero de todo tipo,… en todo tipo de profesionais o que quedou en evidencia na acollida das xornadas (as prazas desapareceron rapidamente), tamén se puxo de manifesto as ganas de moita xente de formarse sobre a temática. A necesidade de formación é enorme e non hai oferta, en ningunha das tres Universidades galegas hai formación específica en xénero.

As Xornadas foron interesantes malia os problemas xerados pola non aterraxe do avión en Vigo. O resultado foi adecuado. Indícase o positivo de poder participar nas xornadas virtualmente.

2. Pénsase que os obradoiros non foron tales, máis ben se converteron noutras conferencias ou charlas.

Ao respecto hai dúas valoracións:

  • Unha: Terían sido máis produtivos se fosen obradoiros concretos para cada ámbito, pero ao haber diversidade non permitiu profundar tanto.
  • Dúas: A diversidade de xente asistente responde á realidade do problema, que transcende un ámbito concreto, e enriquece o debate.

Ao se tratar dunha primeira visión xeneralista, a estrutura foi axeitada; mais debería haber máis tempo para o debate.

As xornadas permitiron constatar que o tema é amplo e complexo, resituar termos e conceptos que se cría que estaban claros, pero que non era tal. Mesmo, diversos materiais se xulgaron interesantes para compartir con colegas (caso de Mª Fernanda, que levará materiais para a universidade na que traballa en Brasil). O tema é interdisciplinario (intersectorial). Nas xornadas foi xenial contar con persoas duns ámbitos falando para outros ámbitos . É un tema que se dá para ser ollado dende diferentes sectores. Por exemplo, cando saíu o comentario sobre THDA viuse que non era exclusivo do ámbito de saúde, foi un debate con moita polémica. A temática da violencia non dá para tratarse dende un único enfoque, hai que facer converxer todos os ámbitos.

As xornadas non tiñan como obxectivo especializar, era facer algo cun enfoque xeneralista, dende diversos ámbitos. Foi enriquecedor a confluencia de ámbitos nos obradoiros. Se temos en conta os obxectivos, as xornadas foron adecuadas

3. Cubríronse moi pronto as prazas para os obradoiros e unha parte do persoal asistente non puido ir ao obradoiro que máis lle interesaba (algo que acontece inevitablemente, inda que se paliou desde a organización). Sería de interese que o grupo de alumnado que participou na organización achegase a súa experiencia, pois non foi doada de xestionar a inscrición da xente en diferentes obradoiros na Xornada. Requiriu grandes doses de paciencia e de dedicación. Mesmo, persoas que se inscribiran voluntariamente nun obradoiro, pretendían inscribirse noutro.

4. Nas conferencias quizais tería sido bo contar con máis tempo para debate e facer posible un espazo maior para preguntas por parte do persoal asistente.

5. Hai algunha proposta de facer algunhas xornadas máis específica para o sector educativo. O problema reside en que non é precisamente un ámbito no que se dispoña de moito persoal experto; de feito, tivemos que traer unha persoa de Euskadi (que logo non puido aterrar en Vigo).

Respecto do traballo do grupo: Antes das xornadas, a investigación saíu das achegas de todas as persoas integrantes do grupo. A construción dende o grupo estivo ben, posibilitou abrir un abano de posibilidades. Trátase dunha investigación participativa, como así foi, non dunha investigación directiva. O proceso e os resultados son responsabilidade e mérito de todas e de cada unha das persoas que formamos parte do grupo.

Tiñamos un punto de partida moi restrinxido (fillas e fillos de nais sometidas a violencia de xénero) que se enriqueceu coa reflexión e as achegas de persoas externas, en particular coas da Asociación AGAMME.

Ao principio falabamos de facer un protocolo, o que dá a idea de que non sabiamos realmente de que falabamos.

Descoñeciamos a situación. Vimos que no eido académico había pouca investigación, pero obtivemos moitos datos e información noutras canles. O avogado de AGAME fixo que se nos abrisen os ollos, vimos que aquilo ía moito máis aló do que pensabamos. Decatámonos de que protocolo sen leis era igual a nada.

Foi a partir de aí cando, ao pensar en posibilidades, se nos ocorreu a idea das xornadas, unhas xornadas para amosar as dimensións do problema.

Respecto de posibilidades e liñas novas:

  • Retomar en setembro algunha acción formativa coas dúas conferenciantes que non puideron facernos achegas. Mari apunta posibilidades que poden ter visos de realidade dependendo das convocatorias que faga o novo equipo reitoral (a) solicitar 2 conferencias á Unidade de Igualdade, b) realizar conferencias de extensión universitaria, c) facer algo formativo coa Deputacióne/ou Concello, problema: os convenios).
  • Elaborar un blog para recoller todos os materiais, artigos, presentacións usadas nas xornadas – habería que recollelas do ordenador-, comentarios e informacións do chat, vídeos de UVIGOTV das conferencias das xornadas,… Quédase de elaborar un índice cos materiais envorcados no Drive actual (Miriam vaise encargar).
  • Publicitar a través de Facebook
  • Tentar espazos de encontro e intercambio entre profesionais. Facer unha rede de persoas para intercambiar información, experiencias, comentarios,… O blog podería ser un punto de inicio.
  • Promover ou contribuír a crear unha asociación similar a AGAMME que cubra a área sur da comunidade.
  • Seleccionar un espazo para profundar na investigación tendo presente a confluencia de ámbitos. Acoutar o espazo de investigación para poder profundar pero sen perder de vista a complexidade. Proponse o espazo educativo, busca de ferramentas de detección da violencia de xénero contra a infancia e adolescencia e propostas de actuación. A dificultade de acoutar o estudo e centrarse no ámbito educativo está unida á dificultade de atopar persoas expertas neste ámbito que traten a violencia de xénero contra as crianzas (xa o vimos ao tentar buscar conferenciantes para as xornadas) e buscar achegas dende outros ámbitos para este. Haberá, pois que repensalo.
  • Facer unhas xornadas específicas para o ámbito educativo.
  • Facer un artigo académico

Outros aspectos:

  • Coméntase/critícase o nomeamento de axentes de igualdade en Baleares nos centros polas condicións nas que se fai. Practicamente sen formación e cun horario de atención simbólico.
  • Fálase dos problemas para os pagamentos dos relatorios e colaboracións da Xornada e das imposibilidades de cambios nas partidas orzamentarias…

DECIDIUSE:

  • Facer proposta de día de xuntanza de cara ao curso vindeiro. Xorde o venres como único día de xuntanza posible (tal como viñamos facendo).
  • Indicar o obxectivo da 1ª xuntanza do curso vindeiro: recompilar material, organizalo e ver de elaborar blog para difundir o recollido en Drive.
  • Marcar día de xuntanza para setembro: En principio indícase como 1ª data de xuntanza do 2018/2019 o día 21 de setembro ás 16:30.
  • Incluír a Mª Fernanda no grupo de whatsapp
  • Recoller o enderezo de mail de Leire (leire.darretxe@ehu.eus), quen manifestou o seu interese pola temática e polo debate que se estaba a levar a cabo na xuntanza.

Escribe tu comentario

Traducir